11/09/10

Agueda

Lemos na Voz de Galicia:

A mellor preparadora de gando en Italia é de Chantada
Águeda Capón participou nun certame en Italia no que ademais quedou segunda na categoría de manexador

Ten 16 anos e acaba de gañar o primeiro premio de preparador nun concurso que vén de celebrarse en Italia. Pero non é a primeira vez que Águeda Capón Fernández, unha rapaza da parroquia chantadina de Vilauxe, destaca polas súas dotes a hora de preparar ou manexar gando. Hai un ano foi proclamada en Bruxelas mellor nova manexadora de Europa e uns meses antes gañou o campionato de manexadores da Semana Verde de Silleda.

Nesta ocasión o certame consistía en pasar unha semana cunha familia italiana axudando cos animais e manexando algúns deles. O certame tamén incluía unha categoría de manexador, na que Águeda quedou de segunda, e un concurso morfolóxico, onde as vacas da familia coa que estivo aloxada acadaron moitos premios.

Da súa viaxe a Italia sorprendeulle sobre todo o trato que os propietarios lles daban ao animais: «En Galicia temos unha relación especial con eles, mentres que en Italia son unha maneira máis de facer cartos, venos exclusivamente como un negocio».

Águeda procede dunha familia que ten unha gandería de máis de cen cabezas, e no futuro quere estudar veterinaria. O seu interese por manexar e preparar gando comezou moi cedo. Con só catro anos xa quixo participar no concurso de manexadores que se celebraba en Chantada.

Este curso comezará segundo de bachillerato e no que de vai de ano xa participou en seis concursos, a maioría deles a nivel nacional e internacional, aínda que recoñece as numerosas dificultades que xorden á hora de combinar a formación académica cos certames, xa que a maioría deles celébranse durante o inverno.

Ademais as labores de manexador e preparador tamén precisan de preparación. Así, esta rapaza de Vilaúxe forma parte do club de Xóvenes Gandeiros de Galicia, co que acude a diversos cursos de formación, a maioría en Asturias e na comunidade galega. «Formarse é moi importante, pero a práctica é tan importante como a formación, xa que é coa experiencia cando máis se controla á hora de manexar e preparar aos animais», apunta.

Ningún comentario: