27/11/11

Actos de homenaxe no Incio ao médico paseado

Alá estivemos Os Parentes. Grazas ao profesor e poeta Claudio Rodríguez Fer por nos mandar o poema e a foto do acto.

Mantiña a dignidade a todo custo
...e intentaron humillalo por iso.

Abría as portas ao progreso
...e intentaron encadealo por iso.

Sandaba enfermos coa súa ciencia
...e intentaron torturalo por iso.

Atendía de balde aos pobres
...e intentaron liquidalo por iso.

Daba vida curando do mal
...e intentaron matalo por iso.

Porque era pródigo
en ideais republicanos
ficou vivo entre os seus
como o cabalo branco
da lenda dos libres.

Apenas escribiu versos,
pero era un poeta integral.

E quixeron matalo tanto
que xa nunca poderá morrer.

Todo el forma parte desta terra
que o enterra en todas partes.

Chamábase Manuel Díaz.
Era médico do Incio.

Agora chámase Galicia
e é a saúde do pobo.

Claudio Rodríguez Fer

26/11/11

Os pitos da Lina

Os pitos da Tía Lina ben que o pasan no novo galiñeiro, en días soleados como o de hoxe dá gusto velos, e eles que son agradecidos regaláronnos uns quiquiriquí ben entoados en agradecemento de saíren na foto

21/11/11

O Pequeniño do Incio

Os vindeiros sábado e domingo hai no Incio unha homenaxe ao famoso médico que foi paseado. Como gozaría o noso tío, empacestea, o Cura do Incio asistindo a eses actos. Deixamos aquí o programa

20/11/11

O toco do raposo

Non sabemos se é "microtoponomia". O caso é que ao eido da foto chámanlle os buratos dos zorros, despois de non visitala dende a recollida da herba seca de segundo corte atopámonos con este burato que supoñemos que o fixo o zorro.Entendemos que o nome da finca lle está acertado

18/11/11

O Manu na Solaina

Pois na Solaina da TVG do mércores 16 tocaron uns excelentes músicos e alí estaba Manuel González (o neto do Manolo de Trasar). Teñen futuro, si señor. Se non teñen tempo a ver todo o programa vaian xa ao minuto 11:30

O viño vello

En setembro e outono, bebe o viño vello e deixa estar o novo. Iso di o refrán e non lle falta razón. Como xa estamos en novembro o Xan bebeu hoxe a última botella da colleita 2010. Agora xa lle toca ao novo que este noso viño ribeirao é moi rico pero no seu tempo. Aí lles queda o retrato da derradeira botella para que poidan brindar na internet (que non emborracha e pódese coller o coche sen medo)

16/11/11

A besta

A casa do Penete, a casa do Gil, a casa do Tío Bernardo, a casa de Baixo (matriz dos Parentes) tiñan besta (egua) para ir ao muíño, para ir á ribeira, para viaxes e visitas familiares. Ollo, que non todas as casas tiñan besta, habíaas que tiñan burro e outras nin besta nin burro. Algunhas tiñan cabalo.
Esta escultura parece lembrar a besta da Casa de Baixo un día de matanza cando se levaban as vacas a Burgás e a besta ía cargada de rapaces.

11/11/11

As vellas cubas

As vellas cubas fixeron o viño moitos anos. Agora xa temos cubas de aceiro, que o viño non colle mal sabor e son moi fáciles de limpar. Mais hai quen coma o Xan lles dá un novo uso, servindo de arcas para gardar o millo debullado.

Fotos do curmán Bernardino

10/11/11

O Pedro e a becerra que come galletas

Á becerra gústanlle as galletas, só ten que escoitar o asubío e xa está cotifando no Pedro para comer algunha. Temos que saber se as galletas axudan a que dea máis leite, ela vese contenta e gordiña, gustar gústanlle.
O Pedro veu reforzar Os Parentes que non daban feito o traballo.
O Porco bravo anda a facer das súas nas leiras onde sementamos herba e non só se dedica a chocar co coche so Presidente do país.
 

06/11/11

O primeiro cura da Casa dos Curas. Segunda parte

Historia de don Ángel González Fernández. Despois de publicarmos na entrada anterior un documento que reproduce unha revista do Centro Galego de Barcelona de principios do século pasado, hoxe aportamos máis información baseada na memoria do seu tatarasobriño Manuel González.
Cando marchou para Cuba seica o barco saíu da Coruña pero os ventos non viñan a xeito para as velas e tres meses despois en lugar da Habana o barco volveu amarrar no porto coruñés. Mais el xa non baixou e volveuno tentar e conseguiuno.
Debeu facer moitos cartos en Cuba, porque mercou alá unha finca. Despois de se vir para España volveu o sobriño Benigno a Cuba e vendeuna por 12.000 dólares. Disque lle contaron ao Señor de Cartelos que don Benigno viña rico de Cuba e el respondeu que por moitos cartos que trouxera non se ía librar de ser caseiro do Señor de Cartelos. Pois daquela o tío Benigno meteu no Pastor 100.000 pesetas ao 6% (un capital neses tempos).
Cando foi preso este tío Angel (ver o documento do outro día) estivo a piques de ser axusticiado, pero a muller do xefe dos insurrectos díxolle ao home: e como ides matar a don Ángel, co bo que é e o ben que se porta cos nosos fillos. E el deulle unha capa e deixouno marchar.
Monolo González lembra que sendo neno lle deu 2 pesetas de prata en Chantada e logo na casa non llo crían, pensaba a Mamacarmen que llas collera el.
Hai na casa unha foto con esta lenda:
Esta trangeta esydentica a como fuevistido paralasepultura fue como el tenia dicho que queriaqueloenterraran con avitos del coro de Barcelona. Murio el 18 de febrero de 1940 alos 95 años de edad


04/11/11

O primeiro cura da Casa dos Curas

Mándanos a tía Lina este documento sobre o primeiro cura da Casa do Tío Bernardo. Non sabemos como chamarlle porque era tío do noso tataratío don Benigno. Era don Angel González Fernández

02/11/11

Malos tempos para os gandeiros

Os sindicatos Unións Agrarias (UU.AA.), Xóvenes Agricultores (XX.AA.) e Sindicato Labrego Galego (SLG) advertiron este mércores de que o 90% das explotacións de leite galegas se atopan "ao límite" e estimaron que a perda acumulada este ano para un produtor medio --dunhas 200 toneladas de leite-- superará os 15.000 euros. 
Nunha rolda de prensa conxunta, as tres organizacións agrarias chamaron a atención acerca de que o sector leva máis de dous anos e medio nunha "situación crítica" e afirmaron que os produtores recorreron a fondos propios e ao endebedamento, pero tamén chegaron ao límite. 
Ver a nova completa no Galicia Hoxe