27/11/11

Actos de homenaxe no Incio ao médico paseado

Alá estivemos Os Parentes. Grazas ao profesor e poeta Claudio Rodríguez Fer por nos mandar o poema e a foto do acto.

Mantiña a dignidade a todo custo
...e intentaron humillalo por iso.

Abría as portas ao progreso
...e intentaron encadealo por iso.

Sandaba enfermos coa súa ciencia
...e intentaron torturalo por iso.

Atendía de balde aos pobres
...e intentaron liquidalo por iso.

Daba vida curando do mal
...e intentaron matalo por iso.

Porque era pródigo
en ideais republicanos
ficou vivo entre os seus
como o cabalo branco
da lenda dos libres.

Apenas escribiu versos,
pero era un poeta integral.

E quixeron matalo tanto
que xa nunca poderá morrer.

Todo el forma parte desta terra
que o enterra en todas partes.

Chamábase Manuel Díaz.
Era médico do Incio.

Agora chámase Galicia
e é a saúde do pobo.

Claudio Rodríguez Fer

Ningún comentario: