30/05/12

27/05/12

Remate da ensila 2012

Moita e boa colleita, rematamos a ensila, como non chega o brado temos que agudizar o enxeño e aumentarlle unha roda para poder perfilar o silo antes de cerrar con illante. Agora un mes de fermentación e logo a consumilo durante todo o ano. Xa temos tarefa para os vindeiros días, temos que preparar para sementar millo, despois un descanso e logo campaña de herba seca.

23/05/12

Ensila 2012

Empezamos a segar herba para ensilar, a colleita promete, só falta un pouco de tempo seco para a recollida e teriamos unha colleita normal tirando a boa. A da foto ten que ter algo especial encanto a propiedades ou sabor (para o gando) xa que foi criada a carón dos castiñeiros centenarios do regato de NAVAS

20/05/12

Roupa de can a bo prezo

Andando de paseo atopamos este anuncio con oferta de roupa de can. Cando nós eramos pequenos nunca vimos un can vestido nin pensamos que se puidera facer tal. Pero os mundos cambian. Agardamos que non veña tamén a moda de vestir as vacas... non queremos nin pensalo... aínda que as puxeramos de uniforme todas iguais... en canto nos siría?

17/05/12

17 de maio: Día das Letras Galegas

Para Os Parentes non é festivo. Por unha banda nós xa usamos o galego todo o ano, entre nós e para falarlles ás vacas. Ata o Pedro usa unha variante do galego antigo, o brasileiro. Por outra banda as vacas precisan dos mesmos coidados ca todos os días, son coma os meniños e non entenden de festivos. Para Os parentes a palabra galega máis importante é como dicimos por aquí: munguir. Ten estas Letras Galegas: m-u-n-g-u-i-r. Chova, neve, vente, arroie, suba ou baixe a prima de risco ... aquí munguimos dúas veces ao día.
Os rapaces de Chantada din que hai que falar galego:
 

11/05/12

Bernardino

Mirando no almanaque vemos que o xoves son as Letras Galegas. Quen será o fulano ao que se lle dedican este ano? No google di que Valentín Paz Andrade. E que escribiu unha poesía moi bonita, A flauta de Bernardino:
AO MONTE VAN AS OVELLAS
DE CABALO DO MENCER,
BERNARDINO VAI CON ELAS.

A FLAUTA DE BERNARDINO
CISCOU UN SOLO NO AR,
PASTORILEIRA DE TRINO.

A FAME A FLOR DE FOCIÑO
FURGA O VERDE PAN NA NEVE,
CADA BOCA SEU FOLIÑO.

O noso Bernardino tamén ía de rapaz coas ovellas que aínda unha vez lle levou o lobo unha en Cortiñas e vaia susto que papou o rapaz. Ah, e tamén debe andar de aniversario hoxe o Bernardino e pronto de lle vén o santo (20). A ver cando ten a sorte de se poder xubilar (coma o Benigno) para atender outras moitas afeccións como o blog de baloncesto, a fotografía, os partidos do Obradoiro e .... Aínda que a rapazallada do Santa Baia perda un bo maestro. Felicidades!

10/05/12

Pedro Benavente

"Cando cheguei a esta terra quedei moi sorprendido coa forma que tiña a xente de relacionarse co gando, poñéndolles nomes aos animais e convivindo con eles nos baixos das casas". O veterinario Pedro Benavente veu de lonxe para a nosa terra e acabou  sendo o que máis sabe sobre as palabras galegas relacionadas coas vacas: o libro da vaca. Lemos que lle deron o premio Rosalía de Castro (ver nova). Desde os Parentes as nosas felicitacións. Alegrámonos.

06/05/12

Arco da vella

Estes días e fácil atopalo, dicían antes que bebía nun regato, claro que neste noso país temos moitos regatos, entón é doado asocialo a algún cercano. Esta noite a lúa seica vén grande, mentres non chega miramos para o arco da vella. Non sabemos se se pode pedir un desexo, de ser así SAÚDE

02/05/12

2 de maio

En Madrid algo deben celebrar o 2 de maio. Nós aquí temos que celebrar que cumpre anos Pilar Guerra, moi ben levados, e xa andou a celebrar coa familia