31/08/12

Día de San Ramón

Disque o San Ramón naceu preto de Barcelona alá polo ano 1200 e chamáronlle non natus (non nacido) porque a nai morreu no parto antes de el nacer. Será por iso que é moi avogoso para as as mulleres con partos complicados. O Señor José da Ribeiriña, empacestea, sempre dicía con humor que era moi devoto del. 
En Lobelle aínda que o patrón é o San Cristivo, celebramos sempre as festas de San Ramón, así que na Casa do Gil quen teña sede pode hoxe parar a beber que será ben recibido.

28/08/12

26/08/12

Visita aos Parentes desde Segovia


Dende Segovia viñeron a visitarnos. Despois fomos ver o millo que este ano promete, é máis grande que o home, e o home non é pequeno.

SAT Busto-Corzón

Hoxe 26 no programa da TVG A Labranza falouse dunha SAT moi moderna, que tamén ten moitas vacas e produce moito leite. Xa saíran na Voz de Galicia hai pouco. Disque son da zona de Mazaricos na Coruña. Que teñan sorte e lles vaia ben, que o mereceren, eles tamén traballan para que esta terra nosa non quede a monte.

24/08/12

Amata bestas

Que a un albardeiro lle chamasen amata bestas era un insulto porque se podía pensar que non facía ben os aparellos para as bestas, mulas, burros... A amata era chaga ou mancadela que producía polo roce a albarda, aparello ou sela no animal. Na Casa de Baixo houbo, hai anos cando valían moito e se criaban para vendelas despois, unha mula. E a mula fíxose falsa, tiraba coa carga. E resulta que era porque tiña amata, a pobre. Conta a Pilar que unha vez ían varias persoas e a mula botaba ao chan as mulleres que montaban. E dixeron que había probar cun home, e montou o Señor José do Canolas e a el non o tirou. Co que dixeron aquilo de que "un home é un home", ou se cadra era porque pesaba menos que xa tiña os seus anos!

Protestas ben necesarias en Chantada

Grazas a TELEVINTE polo vídeo

23/08/12

Isto non leva xeito


Hoxe estamos a protestar, de seguir así non podemos aguantar a presión, o leite págase menos, o penso dispárase e producir forraxes encarécese moito, só o prezo do gasoil sería suficiente para facer insostible sementar e colleitar alimentos para o gando cando o prezo do leite está mais baixo que hai 10 anos. Só falamos do gasoil, pero temos moitos máis gastos e ningún deles baixou de prezo. Agardamos que valla para algo protestar, pois de non botar man da gandería e o campo en xeral, dentro de poucos anos ( 2, 4, 6 máximo ), as leiras e prados pasarán a ser xesteiras e monte baixo, e logo lume e xabaril.Como alternativa queda o turismo rural, pero sen gandeiros xa non quedarán nin camiños. Mágoa de terriña, cos prados, soutos, hortas, lameiros, leiras, lamas, chousos, devesas, camiños, congostras, carreiros, portelos, muiños, chapacuñas, pasás, penedos, fontes, fontelas, regatos, e mais............, mágoa de que ninguén mire por ela.
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/economia/2012/08/22/campo-gallego-ante-crisis-extrema-precios-dificil-solucion/0003_201208G22P22993.htm

22/08/12

Vacacións

Disque a Esperanza e o Pepe andaron pola Illa de Ons e o Pepe puido comprobar que hai moi poucas sombras para descansar a xeito mirando o mar. Tamén foron ver o can Peg. a Bueu e mesmo teñen previsto visitar as Illas Cíes, a ver  se alí hai máis sombra. Que aproveiten! Outros descansaremos na segunda quenda.
Tamén a Pilar puxo fin ás súas sesións de baños de mar. Aproveitou para cumprir coas súas devocións relixiosas volvendo polo Corpiño.

O Señor Avelino

O Sr. Avelino seica foi ademais de galeguista un gran impulsor de cooperativas e puxo a funcionar os famosos cursos de capacitación agraria. Adeus e grazas

20/08/12

A vaca que voa

Polo de agora as nosas vacas aínda non voan. Pero nesta estatua tan chusqueira que hai alá polos Estados Unidos si que parece voar a vaca que é pinta coma as nosas


18/08/12

Equipo de primeira división

Andan dicindo na radio que empeza a liga outra vez. Vaia equipiño este do Seminario de Lugo hai uns cantos anos. Cal é o Xan? E o Suso do Corveirés?

17/08/12

Pilar Guerra e Xesús Ferro

O noso amigo, o estudoso Don Xesús Ferro Ruibal, e a nosa nai/tía Pilar tiveron unha tarde de conversa. El preguntaba e ía anotando todo o que ela lle dicía: refráns, palabras que só se din por aquí, ditos, explicación de nomeadas. Foi unha tarde proveitosa. Anda a animala para que escriba unha segunda parte do libro de fraseoloxía. A ver se lle fai caso.

15/08/12

Xantar da Curmandade 2012

Grazas ao traballo do Curmán Maior e dos Vicecurmáns a comida foi un éxito. Ata o ano que vén.


San Benitiño de Lérez

Aquí está a Pilar co San Benitiño de Lérez, ese que é o máis milagreiro. Aproveitou para escoitar unha misa e mercar unha botelliña dese aceite tan boísimo para as doenzas da pel.
E falando de santos hoxe é Santa María, están de santo a Tita e as Marías.

12/08/12

Xantar na Barrela

Houbo tempo a acabar a herba e a xantar de primeira na Barrela. Hoxe foi a comida dos curmáns. Aínda que foi un ano ruín, de perdas, o Curmán Maior pronunciou un breve e sentido discurso que foi moi aplaudido. Xa compartiremos cos nosos lectores a foto dos máis de 30 asistentes. Hoxe tamén temos que felicitar a Paz e o José Manuel de Lobelle que na mesa do lado estaban a celebrar os seus 25 anos de casados. De feito a Marta e o Xosé tiñan hoxe que atender a dúas mesas. Aquí vemos como o Xosé saúda os Padriños dos Parentes.


HERBA REMATADA!!!!!

Por fin rematamos a campaña da herba seca. Xa pode chover. Tamén é certo que tivemos axuda das amigas cegoñas


San Lourenzo 2

Velaquí temos a Pilar de Baixo tan ben rodeada de xente nova no restaurado comedor. Se espertan diosperdoe os devanceiros da casa e ven que o comedor está no que era a corte das vacas vaia susto que levarían. 

11/08/12

San Lourenzo

Dez e once de agosto son as festas do San Lourenzo en Cartelos, polo que tres dos socios estarían de festa.   Mais non hai tempo para festas, hai unha morea de herba estesa e cómpre embolala antes de que se molle ou se pase. O primeiro é o primeiro, que non están os tempos para moita festas. Aínda así algún bocado extra haberá polas cociñas, coma a empanada dos torriscos da Pilar de Baixo.