30/11/13

Lobelo e Lobelle

Seguimos lendo o traballo de Nicandro Ares sobre os nomes dos lugares. Hoxe tócalle a Lobelle (que moita xente di Nobelle).
Lobelle: serían as terras dun tal Lupellus (dimin. latino igual a Lupuluslobo-)
-          Lobelle de Abaixo (lat. bassus)
-          Lobelle de Arriba (lat. ripa)
O Piñeiro: o nome vén da árbore que dá piñas (pineas en lat.)
Quintela: antes foi Quintanella, que viña de Quintana, derivado de Quinta (parte dos froitos que se pagaban de renda ao dono)
Vilar de Mulleres: xa no ano 947 aparece in villares de mulieres. Significa o que di o nome.

Así que tamén poderiamos poñerlle a un rapaz Lobelo en honor a ese Lupellus que andou por estas terras.

Onda de frío


28/11/13

Cartelo, Trasario, Guillulfo

Pois lendo os traballos de Nicandro Ares publicados pola RAG podemos saber o que significan os nomes dos nosos lugares. Hoxe miraremos os da nosa parroquia.
Cartelos: lat. vg. nome de persoa Quartellus (dim de Quartus)

Casa do Barrio: lat. tardío Barrium, do árabe barri (exterior)

A Laxa (Lagea): latín hispano lagena: pedra plana e delgada

Trasar de Carballo: do nome de persoa Trassarius,

Vilaguillulfe: lat. villa e nome de persoa visigótico Wiuliulfus, en xenitivo de posesión
Polo que vemos, Cartelo, Trasario, Guillulfo podían ser hoxe nomes de persoa do máis tradicional e enxebre, moito máis ca Cristian, Jonathan ou Kevin. A ver quen se anima a poñerlle estes nomes a un rapaz?

24/11/13

Na ceba empezar cunha caldeira e acabar cunha taza

Iso contou hoxe a Pilar de Baixo no magosto co que se presentou a nova Asociación de Veciños de Cartelos (Presidenta María e segundo cargo Ana). Moita xente e unha boa comida, todo moi ben organizado, parabéns e agradecementos para a organización. Alí estivemos Os Parentes.
Volvendo ao conto, seica para cebar ben os marraos hai que lles dar ben de comer ao principio (caldeira) e xa cebados deben comer pouco (cunca). E ás veces os animais compórtanse mellor cás persoas. Este ano a Pilar ceba dous porcos. Un deles púxose mal e empezou a coxear, ao primeiro ía comer á maseira apoiándose no outro pé; cando xa non se daba erguido, nada máis botarlles a comida na maseira a outra porca (irmá) dáballe co fociño entre as patas de diante ata que conseguía erguelo. Temos que convencer á Pilar de que se faga cun móbil para gravar estas cousas.
En fin, graciñas á Asociación pola xuntanza de hoxe

19/11/13

Mensaxe de Don Xesús Ferro

Se algunha vez pensades que ninguén fai caso do que poñedes na web e que non paga a pena seguir poñendo refráns, nese momento tomade algo que vos agrade e respirade fondo. Os que visitan un museo tampouco falan co director  e cos que nel traballan pero levan ese museo na cabeza e no corazón. E van máis ricos do que entraron, porque saben máis. Os refráns do Manolo do Tío Bernardo non me escapan e ben que os saboreo. E a estas alturas estou seguro de que Pilar ha de ter unha boa presa de refráns e de frases. Se me fixera caso, xa estaba publicando unha nova colección desas frases que eu sei que ela ten gardada na memoria (e se cadra nunha libreta).
Sodes un exemplo.
Xesús Ferro Ruibal

Xa volveu a Carmen

Alegría na Casa de Baixo que volveu a Carmen despois de botar máis dun ano en Holanda. Agora cómprelle sorte e topar traballo na Terra.
O domingo foi feira en Castro e tocou comer a carne, estaba no punto e foi onda o José Benito



15/11/13

Máis refráns do Manolo do Tío Bernardo

Entre Santos e Natal, inverno caroal (caroal: forte, duro). E semella que vai ser certo que isto está arrefriando ben.
O que na praza se compra e na cociña se guisa todo pasa polo cu e algo queda na camisa (a este non lle cómpre explicación)

14/11/13

Xubilación do Bernardino

Na nosa familia houbo dúas mestras, Dona Lola e Dona Isolina. Dúas xeracións despois colleu o ramo Don Bernardino. Coma moitos tivo que emigrar a Barcelona, de alí veu para a zona de Rodondela e asentou logo en Boiro sendo moitos anos Xefe de Estudos no Santa Baia. Este ano tocoulle a prexubilación para se dedicar a outras angueiras. O sábado en Boiro foi a comida homenaxe. Os Parentes desexámoslle o mellor nesta nova vida máis descansada.

10/11/13

O sacho (desde New York)

O noso amigo e eminente profesor universitario Claudio Rodríguez Fer envía desde a primeira cidade do mundo esta foto tan curiosa. Saúdos Don Claudio.

08/11/13

Adiviña da castaña



Alto estou, color d´ouro teño, se me pega a risa, perdo o que teño
O ourizo está alto e ponse marelo-vermello no tempo da castañeira, se abre (ri) perde as castañas (son as cousas do Manolo do Tío Bernardo)

Andan aí os artistiñas

Xosé Randolfe Vilariño, o grande amigo dos Parentes, pintor, gandeiro, sindicalista e moitas cousas máis é hoxe o protagonista dunha entrevista no Progreso

05/11/13

A tintureira ou herba carmín

Falamos na vendima do Xan hai un mes desta planta e descoñeciamos o nome. Como agora ten tempo pescudou o Bernardino e atopou información (el fixo a foto). Disque é a herba carmín, tintureira, uva dos tintureiros e grana.
Hai moito onde mirar pero nesta páx. vese ben

E un compañeiro seu  de profesión de Boiro biólogo e escritor tamén fala dela

02/11/13

Día de defuntos

Día de inverno, día para lembrar os que xa non están ... e son moitos na familia ... empezando polo noso Alfonso ...
Acabamos de ver unha web coa historia e imaxes do que foi o noso amigo Carlos Ogando, no seu enterro (2004) aínda oficiou o Cura do Incio (2006) e coma sempre dixo unhas palabras moi sentidas. Que sorte tiñamos mentres el viviu: bautizos, comunións, vodas, enterros, cabosdano ... daba gusto escoitalo no predicote. A Casa de Baixo foi ricaz en contadores de contos (o Xan, o Manolo, o Anxo, a Vicenta ...) -e herdan os Penetes, que lle dan moito xeito- e tamén en predicadores, xa que logo ...
Mais como boa familia de arrieiros, sempre pándegos e con humor ... para todos eles e elas vai esta viñeta: